01 decembro 2025

TINTA INVISIBLE.

Sería fantástico poder escribir mensaxes secretas e que só o noso remitente fora quen de descifralas. Cantas cousas poderiamos dicir sen que ninguén se enterase! Parece cousa das pelis, non si? Pero hoxe imos descubrir que esta técnica está ao alcance de calquera. Bueno, de calquera non! Só daqueles valentes dispostos a manchar as mans con cúrcuma e telas manchadas durante varios días. 

Que precisamos, ademais de valentía?:
  • Un espremedor.
  • Limóns.
  • Bicarbonato de sodio.
  • Cúrcuma en po.
  • Auga.
  • Pinceis pequenos.
  • Láminas de acuarela.
  • Vaso pequeno (para preparar a mestura de cúrcuma).
  • Luvas e mantel (para non mancharse).
Como se fai?

Nun recipiente, esprememos un limón.





Por outro lado, noutro recipiente, disolvemos dúas culleradas de bicarbonato nunha pouca auga.




Un grupo mollamos o noso pincel no zume de limón mentres que outros compañeiros/as van facelo na disolución de bicarbonato.
Co pincel ben mollado plasmamos as nosas creacións nunha lámina de acuarela e deixamos secar. 


Pasado un tempo, comprobamos que os nosos debuxos son invisibles. 
Despois, para revelar os nosos trazos secretos, mesturamos cúrcuma con auga. Pintamos coa mestura sobre as láminas e... voilá!











Explicación científica:
 
Un ácido é unha substancia que ten sabor agrio e que pica un pouco se a tocamos ou probamos: o zume de limón, o vinagre, son exemplos de ácidos.
Unha base é unha substancia escorregadiza, e moitas veces serve para limpar: xabón, bicarbonato.
Cando escribimos con eles, tanto co ácido como coa base, a tinta case nunca se ve porque o líquido que resulta de mesturalos con auga é transparente e, ao secar, deixa moi pouca marca. Por iso a mensaxe queda invisible. Podemos dicir que aos dous lles gusta xogar ao escondite. Pero no xogo aparece Cúrcuma, que é como unha detective que descobre onde están agochados tanto o ácido como a base.
Estaredes preguntándovos como o fai? Pois a través dunha reacción química de cambio de cor. Cando a cúrcuma se atopa co limón transforma a súa cor amarela nun amarelo máis intenso mentres que cando se atopa co bicarbonato pasa a ser case marrón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

O XOGO DO PILLA PILLA

A quen non lle gusta xogar ao pilla pilla? A ninguén, verdade!! Que vos parece se hoxe no noso obradoiro xogamos? Que imos precisar: Pratos ...