Hoxe foi un día moi especial para nós porque hoxe, no Auditorio Municipal, celebramos unha gala na que proxectamos, en primicia, a nosa curtametraxe Soñar. Unha historia emocionante sobre a vocación, a
desigualdade e a herdanza, onde o soño frustrado dunha rapaza do
pasado resoa na oportunidade conquistada por unha rapaza do presente.
O Salón Teatro encheuse de amigos, compañeiros, veciños, autoridades pero sobre todo de familiares ansiosos por vernos subidos no escenario e brilando na gran pantalla.
A profe Yolanda, que se puxo moi elegante para a ocasión, foi a presentadora do acto e as profes Cristina e Mª José foron as encargadas de poñer a nota de humor. Disfrazadas de Maruxiña e de Breogán fixéronnos escachar coa risa pero tamén nos deron unha gran lección de igualdade.
Aproveitamos a gala tamén, para dar o pistoletazo de saída á exposición ConCienciArte na que se amosarán todos os traballos que realizamos durante este curso.
Xa vos imos adiantando que non vai ser unha exposición calquera. Nela, ademais de contemplar as nosas marabillosas obras de arte, poderedes tocar, experimentar e interactuar con cada unha delas que, como todos e todas ben sabemos, é a mellor forma de aprender.
Estará aberta durante toda esta semana polas tardes, no horario do Conservatorio. E alí estaremos algúns de nós acompañados polas nosas mestras do Club de Ciencia, co fin de informarvos e de axudarvos con todo o que precisedes.
Agardámosvos!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.