Pensades que os magos son os únicos capaces de facer desaparecer cousas e logo facer que volvan aparecer? Pois vai ser que non!! A Ciencia tamén o pode facer e se non o credes estade ben atentos.
Materiais necesarios:
- Vasos transparentes.
- Auga quente (preparada por un adulto).
- Sal de mesa (varias culleradas).
- Culleres para mesturar.
- Colorante alimentario.
- Limpapipas para que os nenos/as fagan diferentes formas.
- Fío.
- Un pau para suxeitar o fío no bordo do vaso.
Como se fai?
Agora que xa lle collemos o gusto a isto das mesturas, imos seguir mesturando. Pero esta vez vai ser auga con sal. Con moito, moito sal!
Despois, cuns limpapipas imos crear distintas formas. Podedes facer todo o que a vosa imaxinación vos propoña. Nós faremos espirais.
Meterémolas dentro do vaso da disolución e ... A agardar! Que unha das cualidades de todo científico é a paciencia.
Despois de varios días de espera... Tic, tac, tic, tac!!! Descubrimos que ao sal gústalle facer de spiderman. Agatuñar pola espiral.
Explicación científica:
Cando mesturamos auga con sal, a sal desaparece porque a auga desfaina en anacos tan pequenos que non os podemos ver. A isto chamámoslle disolver.
A auga ten moito poder para disolver pero cando a facemos traballar moito, isto é, se lle botamos moita, moita sal, a auga acaba cansándose de tanto traballar e deixa sal sen desfacer. Dicimos entón que a sal precipita.
Se deixamos a mestura quieta uns días, a auga vai desaparecendo pouco a pouco, evapórase, é dicir, convértese en vapor que sobe polo aire.
A medida que a auga vai desaparecendo a sal que ela fixera desaparecer volve a verse en forma de cristais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.