07 xuño 2026

CIANOTIPIAS

Hoxe, como remate deste curso, fixemos un experimento precioso: cianotipias con flores e herbas

Primeiro saímos ao patio coma auténticos exploradores. Recollemos flores, follas, herbas finas e pequenos talos, procurando non arrincar plantas enteiras nin levar máis do necesario. A natureza préstanos tesouros, pero hai que coidalos!






Ao chegar á clase, observamos todo o que recolleramos con ollos de científicos, ou o que ven sendo o mesmo, con lupas e microscopios.








Xa nos deramos conta a simple vista pero a través das lentes comprobamos que todas eran moi diferentes. 
Logo, colocámolas entre papeis de xornal e prensámolos durantes uns días.


Pasados uns días, quitámolos da nosa prensa e colocamos todo con coidado sobre un papel especial para cianotipia. Este papel estaba preparado cunha mestura sensible á luz. Iso quere dicir que, cando lle dá o Sol, cambia de cor. Puxemos as flores e as follas enriba do papel, coma se estivésemos facendo un cadro vexetal. Para que non se movesen co vento, puxémoslles un cristal enriba.








Logo chegou o momento estrela: deixar que o Sol traballase. Durante uns minutos, a luz solar iluminou o papel. As partes que estaban descubertas recibiron luz e empezaron a transformarse. As zonas tapadas polas flores e polas follas quedaron protexidas, coma se levasen un paraugas diminuto.

Cando pasou o tempo, retiramos as plantas e lavamos o papel con auga normal e auga osixenada. E aquí veu a sorpresa: pouco a pouco apareceu unha imaxe branca sobre un fondo azul intenso. As nosas flores e herbas quedaran debuxadas no papel, coma sombras atrapadas polo Sol.




Pero… por que pasa isto?

A cianotipia é unha técnica fotográfica antiga. O papel leva uns produtos químicos que reaccionan coa luz do Sol. Onde dá a luz, fórmase unha cor azul chamada azul de Prusia. Onde as flores ou follas tapan o papel, a luz non chega ben, así que esa parte queda clara. Por iso vemos a silueta das plantas.

É coma se o Sol fose un pincel invisible, a luz fose a pintura e as flores fixesen de moldes. Ciencia, arte e natureza xuntas nun mesmo experimento!

Ao final deixamos secar as nosas cianotipias e admiramos os resultados. Ningunha saíu igual ca outra: algunhas parecían bosques pequenos, outras constelacións de follas e todas auténticas obras de museo.

                                  

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

SAÍMOS NA PRENSA