26 xaneiro 2026

O XOGO DO PILLA PILLA

A quen non lle gusta xogar ao pilla pilla? A ninguén, verdade!!

Que vos parece se hoxe no noso obradoiro xogamos?

Que imos precisar:

  • Pratos fondos.
  • Leite enteiro.
  • Colorantes alimentarios de distintas cores.
  • Fairy.
  • Bastonciños dos oídos.
  • Un pouco de auga.
  • Cámara de fotos.
Como o imos facer:

Vertemos leite no fondo dun prato. Deixamos caer unhas pingas de colorante alimentario, de diferentes cores. Mollamos un bastonciño nun pouco de Fairy, metémolo dentro do prato e a xogar!!!





A todas estas marabillosas creacións quitámoslles fotos e  con elas fixemos fantásticas creacións coma esta.










19 xaneiro 2026

A CRISTALIZACIÓN DO SAL

Pensades que os magos son os únicos capaces de facer desaparecer cousas e logo facer que volvan aparecer? Pois vai ser que non!! A Ciencia tamén o pode facer e se non o credes estade ben atentos.

Materiais necesarios:
  • Vasos transparentes.
  • Auga quente (preparada por un adulto).
  • Sal de mesa (varias culleradas).
  • Culleres para mesturar.
  • Colorante alimentario.
  • Limpapipas para que os nenos/as fagan diferentes formas.
  • Fío.
  • Un pau para suxeitar o fío no bordo do vaso.
Como se fai? 
Agora que xa lle collemos o gusto a isto das mesturas, imos seguir mesturando. Pero esta vez vai ser auga con sal. Con moito, moito sal!




Despois, cuns limpapipas imos crear distintas formas. Podedes facer todo o que a vosa imaxinación vos propoña. Nós faremos espirais.


Meterémolas dentro do vaso da disolución e ... A agardar! Que unha das cualidades de todo científico é a paciencia.



Despois de varios días de espera... Tic, tac, tic, tac!!! Descubrimos que ao sal gústalle facer de spiderman. Agatuñar pola espiral.





E, que imos facer con tanta espiral? CREAR.

Explicación científica:








12 xaneiro 2026

PINTURA EFERVESCENTE

Que terán as burbullas que volven tolo a todo o mundo!!!

Pois hoxe quixemos tolear e por iso fixemos un experimento cheo de burbullas.

Que precisamos?

  • Bicarbonato.
  • Vinagre.
  • Colorantes alimentarios.
  • Vasos.
  • Papel para acuarela.
  • Pinceis.
  • Conta-gotas para botar o vinagre.
  • Matraces.
Como o fixemos?

Levando a cabo dous experimentos.

Primeiro, mesturamos témpera con bicarbonato e creamos debuxos con esa pintura sobre a que logo seixamos caer gotiñas de vinagre. Como burbulleaban!





No segundo experimento, botamos vinagre con colorante alimentario dentro dun matraz. Logo engadimos bicarbonato e .... Deixamos que as burbullas que foron saíndo foran facendo unha creación artística no papel. 





Que bonitas quedaron!


Explicación científica:




Cando un ácido como o vinagre e unha base como o bicarbonato se xuntan, reaccionan. Comezan a facer burbullas e fsss!, parece que a pintura cobra vida.
Por que pasa iso?
O bicarbonato e o vinagre son como dous amigos moi revulideiros aos que lles gusta bailar, por iso cando se xuntan sempre arman unha festa e ao facer iso crean un gas, o dióxido de carbono. Ese gas quere saír rápido, como os foguetes das festas, e por iso vemos moitas burbullas que explotan, moven a pintura e crean debuxos moi divertidos.

01 decembro 2025

TINTA INVISIBLE.

Sería fantástico poder escribir mensaxes secretas e que só o noso remitente fora quen de descifralas. Cantas cousas poderiamos dicir sen que ninguén se enterase! Parece cousa das pelis, non si? Pero hoxe imos descubrir que esta técnica está ao alcance de calquera. Bueno, de calquera non! Só daqueles valentes dispostos a manchar as mans con cúrcuma e telas manchadas durante varios días. 

Que precisamos, ademais de valentía?:
  • Un espremedor.
  • Limóns.
  • Bicarbonato de sodio.
  • Cúrcuma en po.
  • Auga.
  • Pinceis pequenos.
  • Láminas de acuarela.
  • Vaso pequeno (para preparar a mestura de cúrcuma).
  • Luvas e mantel (para non mancharse).
Como se fai?

Nun recipiente, esprememos un limón.





Por outro lado, noutro recipiente, disolvemos dúas culleradas de bicarbonato nunha pouca auga.




Un grupo mollamos o noso pincel no zume de limón mentres que outros compañeiros/as van facelo na disolución de bicarbonato.
Co pincel ben mollado plasmamos as nosas creacións nunha lámina de acuarela e deixamos secar. 


Pasado un tempo, comprobamos que os nosos debuxos son invisibles. 
Despois, para revelar os nosos trazos secretos, mesturamos cúrcuma con auga. Pintamos coa mestura sobre as láminas e... voilá!











Explicación científica:
 
Un ácido é unha substancia que ten sabor agrio e que pica un pouco se a tocamos ou probamos: o zume de limón, o vinagre, son exemplos de ácidos.
Unha base é unha substancia escorregadiza, e moitas veces serve para limpar: xabón, bicarbonato.
Cando escribimos con eles, tanto co ácido como coa base, a tinta case nunca se ve porque o líquido que resulta de mesturalos con auga é transparente e, ao secar, deixa moi pouca marca. Por iso a mensaxe queda invisible. Podemos dicir que aos dous lles gusta xogar ao escondite. Pero no xogo aparece Cúrcuma, que é como unha detective que descobre onde están agochados tanto o ácido como a base.
Estaredes preguntándovos como o fai? Pois a través dunha reacción química de cambio de cor. Cando a cúrcuma se atopa co limón transforma a súa cor amarela nun amarelo máis intenso mentres que cando se atopa co bicarbonato pasa a ser case marrón.

24 novembro 2025

PRESENTACIÓN

“Crear obras de arte a través de experimentos científicos”

Ser científico ou científica non é unha tarefa nada doada pero nós, que nos gustan os retos difíciles, este curso propuxémonos que, ademais de ser científicos, imos ser artistas. Soa ben, verdade?

Hoxe iniciamos unha aventura a través da cal imos mergullarnos nas profundidades do incrible mundo da Ciencia. Investigaremos, experimentaremos, farémonos multitude de preguntas e como resultado final obteremos un sen fin de aprendizaxes e como non!, marabillosas obras de arte.

Obxectivos xerais:

  • Espertar a curiosidade científica a través da exploración e do xogo.
  • Favorecer a expresión artística a partir de experimentos sinxelos.
  • Estimular a creatividade, a imaxinación e a sensibilidade estética.
  • Iniciarse no método científico: observar, experimentar, descubrir e compartir.
  • Desenvolver habilidades sociais: traballo en equipo, comunicación e respecto polas creacións dos demais.

É dicir, usaremos a Ciencia para facer pequenas 

creacións artísticas de xeito manipulativo, 

vivenciado e significativo.


Estruturaremos os talleres en 3 bloques temáticos:

1.- Arte en reacción. Comprenderemos distintas reaccións químicas mediante xogos e situacións lúdicas.

2.- Arte en movemento. Divertirémonos coa maxia e o movemento a través das propiedades físicas dos obxectos que nos rodean.

3.- Arte nas ondas. Investigaremos o efecto que producen tanto o son como a luz nos distintos elementos e materiais.




O XOGO DO PILLA PILLA

A quen non lle gusta xogar ao pilla pilla? A ninguén, verdade!! Que vos parece se hoxe no noso obradoiro xogamos? Que imos precisar: Pratos ...